Bos días en Galego:
Hoxe inauguramos sección "En Galego", e pensei en facelo cunha das miñas grandes paixóns literarias: a literatura fantástica. Non é este un xénero que se proligue moito na escritura orixinal en galego, pero buscando e indagando atopeime cunha triloxía fantástica, que ten a honra de ser a primeira e de momento única saga fantástica escrita orixinalmente en Galego, e que a verdade sexa dita, ten unha pinta boísima.
Estou a falar da saga de Dragal, a triloxía do último dragón en Galicia. escrito pola xornalista Elena Gallego Abad e publicada por Edicións Xerais.
O primeiro dos volumes da saga "A herdanza do dragón" viu a luz no ano 2010 e a través deste enlace poderedes ver o primeiro capítulo da obra cuxa sinopsis é a que amoso a continuación:
"Acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego?Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás.Elena Gallego Abad debuta na narrativa galega cunha primeira novela, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009, coa que se inicia, ademais, unha futura triloxía baixo o título de “Dragal”, o dragón galego".
Xa no ano 2011 publicase a segunda parte desta triloxía que recibiu o nome de "A Metamorfose do Dragón" e dende o ano 2012 a definitiva terceira parte "A fraternidade do Dragón" está nas librerías.
Persoalmente, eu xa estou desexando ler estes libros, aínda que poidan ser clasificados como de literatura de tipo xuvenil. Nunca me veredes facerlle ascos a unha boa saga fantástica, sexa para a idade que sexa pois son a miña debilidade.
¿Alguén de vos leu esta saga? ¿Que vos pareceu? ¿Tedes ganas de leela?
Espero os vosos comentarios.
Un saúdo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario